Friday 17 de May de 2024

Igualdade reitera o firme compromiso do Goberno galego para garantir que todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, poidan exercer plenamente os seus dereitos


A titular de Igualdade indicou que Galicia foi a primeira comunidade que contou cunha Lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella reiterou o firme compromiso do Goberno galego para garantir que todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, poidan exercer plenamente os seus dereitos con dignidade e liberdade

López Abella participou hoxe xunto ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira e a directora xeral do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón, na inauguración do XVII Foro Galego de Educación en Igualdade, na Escola Galega de Administración Pública.

A titular de Igualdade lembrou que no Parlamento galego aprobouse a Lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI sendo a nosa comunidade a primeira do estado español que contou cunha Lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI, e incidiu en que é unha Lei integral na que se inclúen medidas con carácter transversal que abranguen a todos os ámbitos: policial, xudicial, laboral, familiar, da saúde, educación, cultura, do deporte, da comunicación e da xuventude.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, destacou que con este Foro Galego de Educación para a Igualdade procúrase un obxectivo común “que compartimos todos os presentes, e pasa por construír unha escola máis inclusiva, respectuosa coa diversidade do alumnado; que garanta a igualdade de xénero e sexa tolerante coa diversidade sexual.” E lembrou que “desde a Consellería de Cultura e Educación somos ben conscientes deste reto. Por iso, despois do Protocolo de acoso escolar e ciberacoso, co que fomos pioneiros no conxunto do estado, puxemos en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.”